Carta para a Soberania Alimentar de Lousame

A candidatura das Terras de Lousame vem de adotar a “Carta por una Soberanía Alimentaria desde nuestros municipios” elaborada no I Congresso Internacional de Economia Social e Solidária, celebrado em Zaragoza em novembro de 2014. O Partido da Terra de Lousame é uma das entidades que aderiram formalmente à Carta e a adotar as suas propostas, adaptadas à realidade do nosso município. A Carta original em castelhano pode descarregar-se aqui.

Sementar rebeldías

Vivimos tempos de barbarie. As políticas neoliberais e as elites que as impulsan alentan a marxinación social, o empobrecemento económico e político e a destrución de pobos, culturas, sustentos e paisaxes. Non hai aquí espazo -nin o queremos dar- para describir tanta atrocidade. Porque tamén son tempos dun novo protagonismo social que, xeneroso e consciente, está a sementar rebeldías.

Rebeldías diversas e interconectadas que conflúen en situar o coidado da vida no centro dos nosos valores e polo tanto das nosas prácticas. Rebeldías que contaxian desde o próximo, que entusiasman desde o común, que rompen, desde abaixo, con este mundo imposíbel.

Aprendemos desde elas a construír zonas libres de capitalismo e patriarcado, abrazando a cooperación, o apoio mutuo, a igualdade e o respecto a unha natureza da que somos parte. Nelas non teñen cabida as economías pensadas desde a lóxica da acumulación, senón as economías sociais e solidarias. Aquí non se entende a alimentación, e por ende a agricultura, como un negocio, aquí pensamos agriculturas que sosteñen a nosa vida e a dos territorios.

Por un municipalismo transformador

As que defendemos estes principios cremos nun municipalismo transformador que amplíe o autogoberno e a participación dentro e fóra das actuais institucións, que pode e debe apoiar a transición dun modelo de agricultura capitalista e alimentación globalizada cara á soberanía alimentaria, desde a revalorización dos criterios sociais, ambientais e de proximidade.

Defendemos os espazos locais como lugares de transformación para, de abaixo arriba, impulsar camiños cara á soberanía alimentaria.

Ante as próximas eleccións municipais apresentamos un conxunto de propostas e reflexións sobre como abordar desde o local actuacións encamiñadas a impulsar a soberanía alimentaria, formuladas en diferentes ámbitos nos que se formulan obxectivos e propostas para conseguilos. Non hai receitas. O seu espírito é o dun documento que xere, acompañe ou facilite reflexións nas ágoras de cada territorio.

Partimos da necesidade de abordar holisticamente o sistema agroalimentario do municipio, tendo en conta as dimensións horizontais (medio, saúde, cultura, patrimonio, emprego, igualdade, educación, etc.) así como as dimensións verticais da cadea (produción, transformación, almacenamento, distribución, transporte, consumo, xestión de residuos) e concibilo inserido nun contexto global.

Medidas a implementar desde o concello

No ámbito da gobernanza alimentaria:

Defendemos a necesidade de pensar os nosos sistemas agroalimentarios desde e para a cidadanía, sendo central habilitar canles de participación, deliberación e decisión sobre as estratexias alimentarias municipais que funcionen de xeito transparente e democrático.

Neste sentido, algunhas medidas a implementar poderían ser:

  1. Creación de Consellos Agroalimentarios, espazos onde participe a administración, a sociedade civil e os actores interesados, nos que se definan as estratexias a desenvolver polo municipio e se vele polo seu cumprimento.
  2. Levar a cabo unha acción política que impulse a socialización e o manexo colectivo dos bens e servizos públicos a través de novas normativas.
  3. Elaboración de plans, figuras de ordenación territorial e acordos de custodia do territorio participativos para protexer o patrimonio natural e promover as boas prácticas agrarias, involucrando no proceso os axentes locais interesados así como o persoal técnico e de investigación.
  4. Para todo iso é esencial contar coa actividade e punto de vista das organizacións de base como figuras de xestión social e sostible do territorio, así como buscar a cooperación con outros municipios, sendo parte de redes comarcais (por exemplo para a xeración de sinerxías entre Parques Agrarios, coxestión de recursos naturais, intercambios de produtos, etc.).

No ámbito da protección e xestión territorial:

Queremos manter a integración no territorio dos lugares e parroquias, conscientes das características e do valor identitario da paisaxe e dos seus elementos asociados. Por iso, é importante xestionar correctamente o uso social do territorio, buscando o equilibrio entre os espazos de produción alimentaria e os espazos naturais.

Algunhas medidas que o favorecerían poderían ser:

  1. Actualizar, ampliar ou realizar estudos e análise sobre o territorio en base a censos agrarios, mapas de cambios de uso, catastro, etc., co fin de definir, delimitar e protexer a paisaxe agraria, as concas hidrográficas e os montes en man común, así como todos os seus elementos patrimoniais.
  2. Para iso poden utilizarse figuras como Parques Agrarios municipais ou comarcais, acompañadas de Plans de Xestión e dinamización da agricultura de proximidade mediante accións concretas e orazamentos anuais.
  3. Asegurar o apoio aos montes veciñais en man común e outros bens comunais a través dunha Oficina Municipal de Apoio ás Comunidades de Montes e unha política de cooperación entre municipio e comunidades.
  4. Crear ordenanzas relativas ao chan agrario co obxectivo de aproveitar as terras agrarias infrautilizadas, tanto públicas como privadas, para a produción agroecolóxica.
  5. Impulsar hortas de autoconsumo e xardíns alimentarios en solos, parques e xardíns do municipio con dotación de infraestruturas municipais e xestionado por comunidades e colectivos veciñais.

No ámbito da dinamización do sector agroalimentario:

É esencial priorizar as políticas municipais que axuden a que máis persoas vivan nun medio rural que perde xente constantemente, a partir da dinamización do tecido económico no sector primario (agrícola, silvícola e pastoril) e nas industrias derivadas (produtos secundarios, servizos, etc.) con criterios agroecolóxicos e da economía social e solidaria, poñendo especial atención na viabilidade dos terreos establecidos e na creación de emprego dirixido a mulleres, persoas novas, desempregadas e con diversidade funcional.

Este obxectivo pode ser alcanzado a partir de:

  1. Ofrecer plans formativos municipais ou comarcais sobre prácticas agroecolóxicas, creación e manexo de cooperativas e entidades da economía social e solidaria, circuítos curtos de comercialización, transformación agroalimentaria, normativas sanitarias, etc.
  2. Fomentar a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para a promoción, implantación e acompañamento de políticas activas de emprego relacionadas co sector agroalimentario e coas comunidades de montes.
  3. Facilitar o traballo remunerado das mulleres no sector mediante a adaptación da maquinaria, medidas de conciliación familiar e laboral, priorizando o seu acceso á terra ou, por exemplo, prestando asesoramento sobre a lei de titularidade compartida de explotacións agrarias.
  4. A posta en marcha de liñas financeiras, subvencións públicas e desgravacións fiscais para apoiar iniciativas de produción agroecolóxica e de proximidade, transicións da agricultura convencional á agroecolóxica, etc.
  5. Facilitar a incorporación de persoas novas ao sector mediante plans formativos, coa cesión provisional de vivenda, acceso aos recursos produtivos, etc.
  6. Impulsar a creación de empresas públicas de produción primaria e de servizos (xestión de residuos, transformación agroalimentaria, xestión forestal, etc.) e acometer cesións ou acondicionamento de infraestruturas municipais ou mancomunadas para o seu uso público (aserradoiros, matadoiros, centros loxísticos, obradoiros e cociñas).

No ámbito da xestión dos recursos produtivos:

Os recursos produtivos cos que conta o municipio deben ser a base para organizar o novo sistema agroalimentario. Para isto deben terse en conta, como xa se mencionou, as características do territorio e as formas de xestión e ordenación máis apropiadas para que exista un equilibrio entre o uso social e a conservación do patrimonio natural. Unha vez definido isto, debe garantirse un acceso aos recursos produtivos (terra, auga, sementes) xusto e sostible, priorizando a xestión colectiva e comunitaria. Por exemplo con:

  1. Creación de bancos, fondos ou outras figuras de xestión, con chan público ou privado, para facilitar o acceso á terra, xerando mecanismos que favorezan o seu intercambio e eviten o mercado especulativo.
  2. Impulsar ou apoiar bancos e feiras de intercambio de sementes, así como acordos con centros de investigación para a conservación de a diversidade xenética asociada á agricultura e a gandaría.
  3. En relación ás prácticas produtivas, impulsar o coñecemento agroecolóxico a partir da recuperación dos saberes locais.
  4. Promover un bo uso da auga a través de asesoramento, formación e axudas públicas que permitan mellorar os sistemas de rego cara a un uso máis eficiente e axeitado ás características do territorio, conservando as infraestruturas tradicionais.
  5. Sendo conscientes, tamén, da necesidade de defender os municipios de ameazas sobre os seus recursos naturais mediante declaracións como libres de fracking e libre de transxénicos, por exemplo mediante unha moción municipal á que se dea seguimento.

No ámbito da comercialización e do consumo de proximidade:

Anhelamos un tecido agrario que sustente o noso municipio con alimentos agroecolóxicos sobre a base de circuítos e canais de comercialización diversos, diferentes aos da economía capitalista e que repercutan positivamente na economía local. Estes circuítos deben integrarse e contribuír á consolidación do Mercado Social, unha rede de produción, distribución e consumo de bens e servizos con criterios éticos, democráticos, ecolóxicos e solidarios, constituída por empresas e entidades da economía social e solidaria e polos que consomen.

Para iso propoñemos:

  1. Fortalecer a compra pública alimentaria de proximidade, agroecolóxica e de comercio xusto na restauración colectiva, a partir, por exemplo, da introdución de criterios nos pregos de condicións de adxudicacións (para o comedor escolar, por exemplo).
  2. Impulso de mercados de venda directa, feiras e outras fórmulas de comercialización de alimentos de proximidade, ecolóxicos e de comercio xusto, así como facilitar a creación de grupos de consumo, por exemplo mediante a cesión de espazos loxísticos.
  3. Posta en marcha de campañas informativas e de sensibilización para mellorar o coñecemento dos citados canais de comercialización de produtos locais agroecolóxicos e incentivar o seu consumo.
  4. Estabelecer ou apoiar mecanismos de certificación participativa de produtos locais e producidos baixo criterios agroecolóxicos, tanto a nível municipal como comarcal.
  5. E en todos os escenarios de comercialización, apoiar a venda de produtos locais e ecolóxicos, con estratexias de visibilización como etiquetaxes diferenciadoras.

No ámbito do cambio cultural:

Para que os cambios de prácticas que propoñemos se manteñan, completen e enriquezan deben ir acompañados de cambios de valores. Referímonos aos valores dunha sociedade patriarcal, consumista e individualista que no sector que nos ocupa ten o seu reflexo nunha baixa valoración do rural, en reducir a alimentación a un ben de consumo máis e instrumentalizar a natureza, ademais da escasa capacidade de participación e cooperación que limita as necesarias accións de base.

Para estimular estes cambios é importante o compromiso dos gobernos locais. Algunhas medidas a ter en conta poderían ser:

  1. Revalorizar o papel das persoas do sector primario na sociedade, en especial dos agricultores e agricultoras e comuneiros e comuneiras, dándolles a palabra en espazos de debate e formación, por exemplo en centros educativos, seminarios ou talleres do municipio, como asesores en proxectos de hortas escolares e comedores colectivos ecolóxicos, favorecendo o intercambio xeracional e poñendo en valor o coñecemento tradicional. Débense priorizar os espazos formativos liderados por mulleres.
  2. Realizar accións dirixidas a revalorizar o papel da alimentación na nosa saúde, na cultura e na economía, desde a perspectiva do valor político que supoñen os coidados e a reprodución da vida.
  3. Todas as propostas transformadoras deben ir obrigatoriamente acompañadas de políticas no ámbito da igualdade de xénero, especialmente aquelas con obxectivos educativos como campañas ou actividades de formación.
  4. Fomentar con diferentes actividades formativas unha relación de respeito e reciprocidade coa natureza da que somos parte. Falar de asuntos como o aquecemento global, o abuso de pesticidas ou fertilizantes químicos na agricultura, poden ser alguns exemplos.