Lousame Município Pós-petróleo

A candidatura das Terras de Lousame vem de adotar as medidas de política municipal para o decenso energético feitas públicas no portal “Municipios Pospetróleo” e preparadas pola Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo. O Partido da Terra de Lousame é uma das entidades que colaborou no Guia para o descenso enerxético, publicado por Véspera de Nada. As propostas que enumeramos a seguir adaptam-se à realidade do nosso município.

ECONOMÍA

Difundir o coñecemento da situación entre as empresas.

Dar charlas a empresas de nova creación e ás xa existentes, incluindo cooperativas, autónomos e comunidades de montes, sobre o Teito do Petróleo e as súas consecuencias, enfocándoas sobre todo nas consecuencias para os negocios e a economía local.

Dotar a Lousame de empresas preparadas para o Peak Oil

  • Promover a creación de empresas sustentábeis e resilientes mediante un programa específico. Apoiar iniciativas empresariais non dependentes do petróleo e que fornezan produtos ou servizos de primeira necesidade. Incorporar unha avaliación de sustentabilidade e resiliencia fronte ao Teito ao proceso de selección de empresas de nova creación asesoradas polas áreas de promoción económica do concello.
  • Fomentar a reconversión de empresas para reducir a súa dependencia directa ou indirecta do petróleo, e mesmo para reorientalas á produción de elementos vitais para a comunidade.
  • Elaborar unha guía para esa reconversión, crear un ponto focal municipal que facilite auditorías de dependencia e asesoramento para o proceso de adaptación, etc.
  • Promover a creación de cooperativas en cada parroquia, orientadas á satisfacción das necesidades dos seus habitantes e nas que traballen os propios veciños e veciñas.
  • Facilitar a reconversión de edificios infrautilizados como centros cooperativos para este tipo de proxectos económicos locais, que lles permitan compartir recursos e aforro en consumos (de enerxía, comunicacións, etc.).

Axudar a construír o novo mercado relocalizado

  • Fomentar a reorientación das empresas produtivas cara ao consumo local e das áreas próximas.
  • Apoiar proxectos empresariais que fornezan produtos substitutivos aos importados.
  • Favorecer a creación de empresas de servizos que non impliquen elevados consumos materiais e de enerxía.
  • Revisar a política de compras municipais dándolle prioridade ao abastecemento en mercados e produtores locais. Apoio ás redes locais de distribución de alimentos, así como ás cooperativas de consumo ecolóxico e local.
  • Reforzar o comercio de proximidade, sobre todo o alimentar e de produtos de primeira necesidade. Contribuír ao estabelecemento de redes locais de subministración. Asegurar a subministración local de alimentos á poboación debe ser a prioridade absoluta do goberno, e pode axudar a ela de múltiples maneiras.
  • Fomentar a creación de pequenas granxas, hortas e viveiros ecolóxicos xestionadas por colectivos sociais e comunidades de montes, destinadas ao autoabastecemento.
  • En todas aquelas medidas nas que se traballe con fontes locais e resilientes, cuantificar o aforro para o municipio (e para a veciñanza) que implica usaren esas fontes, como medio para demostrar que as medidas melloran de facto a economía do municipio nesta época de dificultades.
  • Fomentar a integración das persoas en situación de desemprego —sobre todo as de longa duración— en novos oficios e servizos para a resiliencia. Ofrecer incentivos para a recuperación de oficios que impliquen reparación, mantemento e reciclaxe local de materiais usados. Integrar os puntos limpos do municipio con estes servizos.
  • Crear a marca e etiqueta “Feito n Lousame” que visualice a produción local, tanto internamente como de cara ao exterior, e que ao tempo que axude aos veciños a apoiar os produtos locais, proxecte no exterior unha imaxe de calidade e produción sustentábel.

Poñer en marcha alternativas á moeda oficial

  • Crear unha moeda complementaria local amparada polo concello coa colaboración dos comercios, empresas, autónomos, asociacións e comunidades de montes. Ofrecer como referencia lexitimadora outras moedas locais que levan tempo funcionando.
  • Defender a súa contribución para fornecer liquidez (por exemplo cun sistema de crédito mutuo) a empresas con capacidade produtiva pero escasas de financiamento e/ou para financiar iniciativas comunitarias de transición.
  • Crear un banco de tempo municipal de amplo alcance, complementario coa moeda local. Defender os seus beneficios sobre todo para axudar a persoas desempregadas, xubiladas, estudantes, etc.

Crear unha entidade financeira local

Estudar a creación dun banco ou caixa de aforros municipal, cooperativa de crédito ou institución semellante, que apoie a economía local, por exemplo mediante a concesión de créditos (baseados no aforro local) a iniciativas que faciliten a transición a unha economía relocalizada e pospetróleo. Unha das normas desta entidade sería que os aforros das persoas de Lousame serían unicamente prestados a iniciativas das sete parroquias. Estes créditos poden ser concedidos a baixas ou nulas taxas de xuro, e mesmo ser concedidos en moeda local, se esta se estabelecer. Ao non cobrarlles xuros (ou seren estes moi baixos) ás persoas e entidades ás que lles concedese créditos, tampouco podería esta entidade pagar xuros á xente que deposite nela os aforros e, xa que logo, o interese destes depósitos sería indirecto, ao permitir fortalecer e dinamizar a economía local en beneficio de toda a veciñanza. O control e goberno desta entidade (por exemplo a decisión de a que proxectos concede crédito), deberían ser locais e democráticos, o cal sería outro incentivo para as persoas lle confiaren os seus aforros.

Esta entidade debería incluír —ou colaborar con— unha comisión de estudos con participación veciñal que analizase a viabilidade dos proxectos que solicitan crédito, e que proactivamente detectase áreas nas que a liquidez abandona a localidade, así como servizos e produtos esenciais que actualmente hai que importar e que puidesen ser ofrecidos localmente para promover a creación de empresas ou proxectos que se ocupasen desas necesidades, preferentemente a cargo de persoas actualmente sen emprego. Tamén sería interesante que se ocupase ou promovese actividades de formación e de reciclaxe profesional nesa mesma liña.

Revisar o investimento público previsto

Revisar todos os planos de investimento público municipal baixo un escenario permanente de petróleo caro.

Fomentar a autosuficiencia enerxética de Lousame

  • Analizar as necesidades de electricidade (e outras modalidades de consumo enerxético) no municipio e as fontes dispoñíbeis localmente.
  • Estudar a creación dunha empresa municipal de electricidade.
  • Fomentar economicamente e burocraticamente a xeración eléctrica para autoconsumo, tanto de familias como de empresas e comunidades de montes.
  • Promover a uso compartido de maquinarias e vehículos, sobre todo os de uso agrícola (tractores, apeiros, etc.).

URBANISMO E VIVENDA

Revisar a normativa urbanística en clave de Peak Oil

  • Achegar os servizos administrativos e sociais a todas as parroquias.
  • Avanzar para un modelo no que todos os habitantes poidan residir, traballar, comprar e ter espazos de lecer na propia parroquia ou nas contiguas.
  • Fomentar a instalación de paneis solares nos edificios, miniturbinas eólicas e outros sistemas de autoabastecemento enerxético. Procurar que se faga por medio de empresas locais que traballen neste sector e con moeda local.
  • Promover o illamento das vivendas, o seu aproveitamento solar pasivo e penalizar o seu consumo enerxético.
  • Promover a reocupación das aldeas: alugueiro de casas baleiras, incentivos á restauración, etc.
  • Revisar os PXOM para procurar que non se constrúa nas mellores terras para cultivo de Lousame, cualificándoas con algunha protección.
  • Revisar en profundidade toda a normativa para que non dificulten o dereito das persoas a cultivar o seu alimento, protexer os bosques, dispoñeren de vivenda ou obteren auga.

Ampliar e redefinir a paisaxe verde

  • Realizar un mapa completo de todas as parcelas de terra dispoñíbeis no municipio . Crear un servizo de acceso á terra.
  • Aumentar o seu número e extensión ou facilitar o seu aproveitamento por cooperativas e comunidades de montes.
  • Fomentar a agricultura ecolóxica mediante campañas, cursos, incentivos diversos, cesión de espazos (terreos) e apeiros, sementes, etc.
  • Aproveitar fincas non utilizadas (públicas ou privadas) para a creación de hortas de experimentación e viveiros comunitarios ou escolares.

Reformas para o aforro e eficiencia enerxéticos e de recursos

  • Aplicar reformas bioclimáticas e de eficiencia enerxética aos edificios de titulariedade municipal.
  • Implantar sistemas de tratamento de residuos sólidos e de augas residuais que sexan realmente sustentábeis e autosuficientes. Aproveitar o residuo seco obtido tras o tratamento de augas residuais para a agricultura.
  • Compostar e reciclar ao máximo, estabelecendo unidades de procesamento comunitarias dedicadas a esta función. Promover a compostaxe individual, comunitaria e local de todos os residuos orgánicos que se produzan no municipio e o emprego do compost así obtido na produción local de alimentos.
  • Promover a creación de servizos comunitarios en cada parroquia ou nas diversas aldeas para reducir o consumo enerxético particular, por exemplo.

Facilitar a conformación de ecoaldeas, aldeas solares e outros proxectos demostrativos de utilidade para a transición

  • Poñer todas as facilidades posíbeis á creación de núcleos pioneiros que demostren modos de vida sen petróleo, co obxectivo de seren centros difusores que contribúan a acelerar a transformación do resto do lugares do concello.
  • Promover a creación de un Centro Municipal para a Resiliencia e Permacultura realizando labores de investigación e formación.
  • Apoiar a creación de granxas e viveiros de produción agro-gandeiro-forestal ecolóxicas que realicen labores de formación e difusión deste tipo de técnicas. Difundir desde o concello todo tipo de prácticas sustentábeis nestes sectores.

Dispoñer un plan de acollida de retornados e inmigrantes

Dado que é previsíbel que Lousame comece a recibir co tempo persoas que abandonan as cidades, moitas delas con raíces no municipio, e mesmo persoas procedentes doutras comunidades autónomas ou países, cumpriría dispoñer anticipadamente un plan para a súa acollida e integración, pondo ao seu dispor edificios municipais infrautilizados e creando un banco de casas desocupadas para o seu aluguer social.

TRANSPORTE

Desincentivar o uso do coche privado e favorecer outros medios de transporte

  • Facilitar sistemas de uso compartido de vehículos privados.
  • Promover o uso da bicicleta e dos sistemas de transporte de tración animal, creando ou adaptando as infraestruturas necesarias para que sexan máis prácticos.
  • Dar prioridade na planificación do uso do solo e dos sistemas de transporte, así como no seu financiamento, aos peóns, aos ciclistas e ás cabalarías.

Aumentar o número e frecuencia do transporte público así como a súa eficiencia.

  • Crear un sistema optimizado de transporte público que dé servizo a todas parroquias, conectándoas coas vilas próximas e coa nova estación de tren da Escravitude, facéndoo gratuíto ou case gratuíto aos colectivos máis desfavorecidos.
  • Facilitar a adaptación destes autobuses para funcionaren con aceite reciclado. Promover unha rede de recollida de aceite usado doméstico, nos negocios de restauración, comedores escolares, industriais, etc., para reciclalo nunha planta local que abastecería estes buses.
  • Facer un estudo para avaliar a posíbel eficiencia enerxética dun sistema de microbuses baixo demanda complementario ás liñas permanentes. Estudar en cada liña e horario se é máis eficiente a substitución de buses por microbuses máis frecuentes.

FISCALIDADE

Política fiscal para a transición enerxética.

  • Revisar todos os tributos municipais para penalizar aquelas actividades que obstaculicen a transición enerxética, e rebaixando ou anulando as taxas a aquelas que a favorezan.
  • Favorecer fiscalmente as empresas que faciliten o teletraballo evitando o desprazamento dos seus traballadores. Facer de Lousame un concello amigo do teletraballo, tando facilidades para que se establezan nel empresas que contraten traballadores locais nesta modalidade.
  • Favorecer fiscalmente o alugueiro e uso compartido de equipamento como alternativa á venda, e para favorecer a ampliación da vida útil dos produtos e maquinaria.

Apoiar fiscalmente a economía local.

  • Aceptar pagamento dos impostos municipais na moeda complementaria municipal.
  • Reducir a fiscalidade aos comercios de proximidade e pequenas tendas existentes, sobre todo de alimentación e produtos necesarios, creando se for necesario un economato municipal para dar servizo a todas as parroquias.
  • Promover campañas a favor do comercio local. Fomento dun cambio cultural con respecto ao consumo.

DIFUSIÓN, CONCIENCIACIÓN E OUTRAS MEDIDAS

Difundir o problema e todo o preciso para o cambio social.

  • Facer reunións o antes posíbel con todas as asociacións, empresas, comunidades de montes, centros de ensino, etc., explicando claramente os posíbeis escenarios aos que se enfrontarán. Facer unha moción pública sobre o asunto, marco para todas as actuacións aquí suxeridas e outras que houber.
  • Colaborar activamente para que se realicen charlas, xornadas, actividades formativas, actividades escolares, proxeccións de documentais, debates públicos, publicacións, etc., sobre os seguintes temas:
      1. O Teito do Petróleo.
      2. O aforro enerxético.
      3. A resiliencia comunitaria.
      4. Habilidades útiles nun mundo sen petróleo.
      5. Agricultura natural/ecolóxica/tradicional.
      6. Permacultura.
      7. Decrecemento.
      8. Autoprodución e conservación de alimentos.
      9. Compostaxe caseira.
      10. Alimentos silvestres da localidade.
      11. Outros aproveitamentos útiles das plantas locais (para tinguiduras, fitoterapia, xabón, etc.).
      12. Manexo axeitado e substitución de tóxicos no fogar, etc.

Fomentar a cultura de compartir vs. propiedade individual.

Fomentar a cultura de que só é preciso posuír aquilo que é verdadeiramente persoal, e que o resto é máis eficiente compartilo (bens comunitarios) mediante aluguer e outros sistemas.

Fomentar a autoxestión.

  • Promover através de ordenanzas específicas o autogoberno parroquial, a autoxestión das comunidades, a democracia directa asamblear e todas as metodoloxías de utilidade para facilitar que todas as parroquias e aldeas poidan tomar nas súas mans os seus propios asuntos, dunha maneira coordinada.
  • Facilitar a creación e o financiamento das iniciativas e organizacións de base social e comunitaria (veciñal, comuneira, parroquial, etc.) cuxo obxectivo sexa aumentar a resiliencia da comunidade e poñer en marcha a transición pospetróleo.

Crear un marco e un local de referencia para todas as medidas.

  • Crear un punto focal municipal permanente sobre estas cuestións, a modo de granxa-escola, centro de experimentación e difusión, centro de demostración de técnicas sustentábeis, etc. Preferibelmente localizado nalgún espazo xa existente e infrautilizado e integrando no seu funcionamento os centros sociais das sete parroquias. Crearse unha Axencia Municipal para a Transición Enerxética.
  • Unirse á rede de Cidades en Transición (Transition Towns).
  • Adoptar o Oil Depletion Protocol.

Defender a soberanía/autosuficiencia alimentar do municipio.

  • Declarar Lousame zona libre de transxénicos: prohibición dos transxénicos para conservación da biodiversidade e a independencia de empresas e insumos de fóra.
  • Crear un banco municipal de alimentos e produtos de primeira necesidade. Os alimentos deberían vir preferentemente das hortas locais, particulares ou comunitarias, e dos excedentes das empresas de alimentación locais.
  • Crear un banco de terra para poñer en contacto a propietarios de fincas potencialmente produtivas e a persoas interesadas na produción hortícola ou agrícola pero que non dispoñan de terra suficiente.
  • Crear comedores sociais para que as persoas que non teñan recursos se poidan alimentar, dotados con alimentos procedentes da localidade. Podería funcionar de xeito voluntario e a base de doazóns ou ben integrarse no sistema de moeda local, aceptándoa como pagamento polas comidas e pagando con ela ás explotacións agrícolas locais e tendas que fornecesen alimentos. Despois, estes produtores e comercios poderían pagar con ela ás propias persoas necesitadas a cambio de axudas esporádicas nos seus negocios.
  • Crear un matadoiro municipal e centros públicos de procesado de alimentos para poñer a disposición dos cidadáns aparellos para a esterilización e a fabricación de conservas de diverso tipo.

Crear seguranza non dependente do petróleo.

Crear unha Guarda Rural Municipal, incluindo unha unidade ecuestre como as que existen noutras localidades.

Fomentar a eliminación temperá de residuos domésticos perigosos.

Debido ás dúbidas acerca da futura capacidade dos concellos para se faceren cargo da axeitada recollida e tratamento dos diversos tipos de residuos domésticos de carácter tóxico (vid. Liberar o noso lar de contaminantes de alto perigo), cómpre promover unha erradicación precoz de todos estes elementos das casas para minimizar a súa xeración en forma de residuos no futuro, cos conseguintes riscos que podería supoñer de contaminación ambiental e para a saúde do conxunto de veciños e veciñas. Promover campañas de educación e concienciación cidadás sobre este tipo de elementos tóxicos presentes nos fogares e para a súa eliminación ou substitución por outros non tóxicos.

Descentralizar o lecer.

Espallar polas parroquias as actividades de lecer, e poñer en marcha no propio municipio actividades de lecer que faciliten que a xente non teña que desprazarse fóra para asistir a concertos, filmes, festas, obras de teatro, e calquera outro tipo de actividade cultural, deportiva ou de lecer. Aumentar a oferta e diversidade de actividades de lecer.

Fusionar ou desagregar?

Por Iolanda Mato Creo e Joám Evans Pim

Quando propõem a fusão municipal, em nenhum caso pretendem que esta seja acompanhada de um processo de descentralização real do poder de decisão política.

O quê têm em comum o Secretário de Organização do PPdG e alcaide de Lalim José Crespo, o Co-vozeiro de Anova, alcaide de Teu e candidato à alcaidia de Compostela Martinho Noriega (numa lista apoiada também por Podemos, IU e Equo), os coordenadores do PSOE da Crunha e Arteijo, os responsáveis de UPyD em Ferrol e Narão, os do BNG em Alfoz e Valadouro ou o candidato de C21 em Tui Carlos V. Padim? Tic, tac, tic, tac, … Simples: todos eles apoiam a fusão de municípios seguindo a doutrina estabelecida polo Partido Popular na sua demolidora “Lei de racionalización y sostenibilidad de la Administración Local” que, entre outras cousas, tornou papel molhado as atribuições galegas sobre o reconhecimento da personalidade jurídica das nossas paróquias.

Afirmamos que praticam o seguidismo da doutrina do PP porque, todos eles, quando propõem a fusão municipal, em nenhum caso pretendem que esta seja acompanhada de um processo de descentralização real do poder de decisão política, para que volte aos âmbitos mais próximos às pessoas: paróquias e bairros. Em todos os casos, a proposta implica criar municípios maiores em extensão e população, mantendo estruturas idênticas dominadas por gestores/políticos-profissionais, ao serviço dos seus próprios aparatos partidários e adaptadas à nova escala de salários em função do número de habitantes que estabelece a lei do PP que tomará efeito depois das eleições maio. O resultado: um afastamento ainda maior dos centros de decisão e uns municípios cada vez mais impermeáveis frente aos âmbitos de auto-organização vizinhal.

Os discursos públicos para justificar esta medida deixam-se em evidência a sim próprios. Vejamos alguns. Em março, UPyD apresentou uma ambiciosa “Propuesta de Reorganización Municipal de Galicia” reduzindo o número de municípios a 70, seguindo, segundo indicam, exemplos como o do Reino Unido ou Portugal. Também a proposta de C21 para agrupar cinco municípios do Rosal e da Lourinha citava esses dous países: “Portugal, con máis do triple de extensión territorial e case catro veces máis de poboación ten 308 municipios, o Reino Unido ten 406 con máis poboación que España”. Esquecem em ambos os dous casos que só na Inglaterra há mais de 10.000 concelhos paroquiais nos que participam gratuitamente 80.000 concelheiros e nos que anualmente as decisões mais importantes, incluindo os orçamentos, são tomadas na assembleia aberta de toda a vizinhança. Nos últimos anos eliminaram-se as limitações às atribuições destes entes e, como consequência, tanto o seu número como a participação vem aumentando significativamente. No caso de Portugal, existiam até a redução imposta pola Troika em 2013 mais de 4.000 juntas de freguesia, com atribuições consideráveis, embora com um modelo no que a democracia direta assemblear é a exceção e não a regra.

Em Portugal ou Inglaterra existe uma capa adicional de autogoverno vinculado ao entorno imediato e às necessidades das populações que se corresponde às comunidades reais.

Se países como Portugal ou Inglaterra podem ter, proporcionalmente, um menor número de municípios é porque, especialmente no rural, existe uma capa adicional de autogoverno vinculado ao entorno imediato e às necessidades das populações que se corresponde às comunidades reais. Dentro do estado espanhol, acontece algo similar no território de Araba onde, por debaixo do nível municipal, existem 335 “kontzejuak” que, com a exceção de 17 deles, funcionam sob o regime de concelho aberto, isto é, onde é a vizinhança em assembleia a que toma todas as decisões durante o tempo todo. Pretender, como os elementos citados no primeiro parágrafo, fusionar municípios sem antes desenvolver a capacidade de autogoverno às comunidades é uma tentativa de manter e incrementar o controlo que os quadros de políticos profissionais exercem sobre uns recursos públicos cada vez mais reduzidos, garantindo a sua própria subsistência como grupo profissional e as próprias redes clientelares que sustenta toda a sua trama.

A desesperação é evidente e generalizada. No fim de fevereiro, o Secretário Geral do PPdG afirmava: “La fusión de municipios debe ser por decreto, de arriba a abajo (…) Si en Galicia dejáramos a la voluntad de las personas este tema, lejos de fusionar municipios habría más segregaciones.” A frase ilustra perfeitamente a situação: por uma parte, a imperiosa necessidade para os vivedores da política de fusionar a qualquer custo para manter os seus privilégios e, por outra, a perceção de que, dous séculos após a introdução de algo tão alheio como os municípios espanhóis, e usando as palavras de Cuevilhas (1936), “a freguesia, autêntica molécula social do nosso campo, continua em pé e em estado de que o seu alento vital possa ser recolhido e enraizado numa legislação concordante com o jeito dispersivo em que se distribui a nossa população”.

O interesse real é o de manter o controle e a sucção numa administração cada vez mais achicada economicamente.

É curioso que mesmo um candidato a alcaide que enche o papo de “radicalidade democrática” e mesmo se revê a si próprio na figura de Ângelo Casal, tenha esquecido de jeito tão fulminante os principais princípios do galeguismo político da época: concelhos paroquiais autogovernados através de democracia direta assemblear. Não só não moveu um dedo nos últimos oito anos para aplicar em Teu um programa de descentralização política que colocasse o poder de decisão nas mãos da vizinhança (e, lembremos, é legalmente possível mesmo dentro das limitações do atual quadro) mas propõe agora a hipótese de fusionar Ames, Compostela e Teu, sem questionar um modo de gestão que ele mesmo adotou sem fissuras durante duas legislaturas. Na verdade, não deveria surpreender, pois debaixo do chapéu achamos um governo onde para além de uma dedicação “exclusiva” do alcaide (ao seu partido, isto é) de 44.769 €/ano, a vizinhança deve acarretar com outras quatro dedicações “exclusivas” adicionais de 36.464 €/ano e mais duas livre-designações de 28.479 €/ano, sem contar “indemnizações” por assistência a plenários de 121 € entre outras regalias. Haverá quem justifique isto, mas dificilmente achará nenhum município galego de população similar que deva carregar com tamanha cruz de “política profissional”.

Mesmo que as propostas de fusão se justifiquem em nome da “racionalización y sostenibilidad”, como reza a lei do PP, ou, no caso do nacionalismo autonomista, numa pretensa vontade de reconstruir as comarcas através da agregação de municípios, é óbvio que o interesse real é o de manter o controle e a sucção numa administração cada vez mais achicada economicamente. O principal motivo da negativa de assumir um processo de descentralização do poder de decisão como contraparte a qualquer processo de reordenação municipal é o pânico da classe de “políticos profissionais” a perder o monopólio sobre a Política. Isto porque mesmo as relíquias e versões adulteradas do espaço de decisão assemblear representam uma concretização do antagonismo entre autogoverno e representação, entre política profissional e soberania real exercida diretamente no dia-a-dia.

No entanto, se alcaides como o de Teu (e tantos outros que aspiram a dominar os aparatos burocráticos dos “mega-untamientos” que têm no alvo) tomaram o tempo de considerar, indo além do eleitoralismo, as necessidades sociais e políticas que o cenário de descenso energético irá supor para as populações (lembre-se que Noriega é um dos alcaides que prefacia o Guia para o descenso enerxético), melhor fariam procurando o jeito de “desagregar”, polo menos em termos de capacidade decisória, todas as paróquias dos seus municípios, permitindo-lhes o autogoverno que precisam para caminhar para a resiliência, do que lucubrando novos mega-municípios e grandes áreas metropolitanas que só poderão servir como instrumentos de extração e dominação. É tempo de por a balocas!

Carta Aberta a Teresa Villaverde

Prezada Teresa Villaverde:

Esta semana recebemos com grande alívio a sua entrevista televisiva (e citada noutros periódicos) na que afirmava preferir retirar-se da política antes de ver Lousame fusionado no município de Noia. Como pode imaginar, todos estes anos de silêncio pola sua parte e pola do seu predecessor no cargo, que agora se apresenta à alcaidia de Noia, mantivo-nos preocupados a bastantes vizinhos de Lousame. É de agradecer que agora, a duas semanas de se convocarem as municipais, se sincere conosco e nos tranquilize. No entanto, quedamos com certas dúvidas que queremos compartir publicamente e que talvez nos poida aclarar.

  1. Na notícia assegura que é desde o município de Noia onde se está a “barallar dende fai xa uns meses” a possibilidade de fusionar as duas entidades. No entanto, Rafael Guerrero nada tem dito (publicamente) sobre o assunto desde as suas conversas com Santiago Freire em 2012. Poderia explicar o quê se tem feito ou dito desde Noia nos últimos meses?
  2. Fusionar é sempre cousa de dous. Botamos em falta que nos aclare o ponto de vista do seu colega Santiago Freire, que agora se apresenta às municipais por Noia e que no seu dia manifestou que o processo “pode que acabe dando-se” e que “teria que figurar nos programas eleitorais”. Retirará-se Santiago da política antes de fusionar Noia e Lousame? Levará o PP os processos de fusionar municípios no seu programa?
  3. Em 2012 produziram-se conversas entre Santiago Freire e Rafael Guerrero para fusionar os dous municípios. Quando nos manifestamos e pedimos que se explicara o que havia na mesa a resposta foi silêncio. Tem pensado aclarar publicamente, antes de acabar a legislatura, em que consistiram aquelas conversas? Está relacionada a candidatura de Santiago Freire à alcaidia de Noia com a falta de acordo naquela altura?
  4. Insiste que “a palabra fusión non existe para Teresa Villaverde nin para o grupo que a acompaña“. Isto contrasta com as ideias dos principais cargos do seu partido, expressadas publicamente nos últimos meses. Por exemplo, o 22/02/2015 o Secretario de Organización do PPdG dizia: “La fusión de municipios debe ser por decreto, de arriba a abajo (…) Si en Galicia dejáramos a la voluntad de las personas este tema, lejos de fusionar municipios habría más segregaciones.” Concorda com o Secretário de Organización do PPdG José Crespo?
  5. Pouco antes, o 6/07/2014, o Secretario Provincial do seu partido e Presidente da Deputación afirmava que na sua “provincia” chegava com ter a metade de municípios e que tinha “predisposición total” para fusionar.  Concorda com o Secretário Provincial do PPdG Diego Calvo?
  6. Outro colega seu, Alberto Pazos Couñago, atualmente Director Xeral de Administración Local da Xunta, dizia no 15/2/2015, que havia que deixar passar as municipais antes de retomar os processos de fusionar municípios. Esse mesmo colega, promoveu nos últimos meses decretos de subsídios a entidades municipais nos que se se procura “incentivar procesos de fusión municipal“. Como afecta a política da Xunta de incentivar a “fusión municipal” aos alcaides desse mesmo partido?
  7. Tendo em conta o anterior, e prevendo que o seu partido lhe pedirá, de obter Santiago Freire a maioria suficiente em Noia e outro tanto vostede em Lousame, que inicie o processo para fusionar os municípios, por que se vai apresentar nas próximas municipais polo PPdG? Ainda que efectivamente se retire antes de ter que levar esse tema a pleno (como se retirou Santiago Freire nesta legislatura antes de que fosse imputado o tesoureiro municipal), que nos solucionaria isso aos vizinhos de Lousame?
  8. Na verdade, de ser novamente alcaidessa e ver-se ante esse escenário durante a próxima legislatura, preferiríamos que continuasse no cargo e tivesse a valentia de negar-se a obedecer ao seu partido se este a obriga a suprimir Lousame, a que se retirasse para quedar com a consciência limpa deixando a outros a desagradável tarefa de fusionar o nosso municípo. Teria a valentia e o compromisso de fazer isso?
  9. Obviamente, os vizinhos de Lousame temos outras inquietudes sobre como se tem levado o governo municipal durante esta legislatura, e continuamos aguardando a que se nos expliquem temas como os 368.923 euros dos que se apropriou ilegalmente o ex-tesoureiro quando vostede era Tenente de alcaide, sobre os que já se ditarom sentenças. Tem pensado sincerar-se conosco sobre este e outros buratos obscuros do seu mandato?

Sem mais, aproveitamos para enviar os nossos votos para que o seu futuro fóra da política continue sendo próspero e proveitoso.

Atentamente,

As integrantes da Candidatura das Terras de Lousame.